Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

Encontro de Fin de Semana 

O pasado 28, 29 e 30 de novembro Xentenova converteu en realidade un desexo dos animador@s máis veteranos: recuperar o encontro de fin de semana que se facía hai anos para os rapaces e rapazas da entidade. Se ben nesta ocasión cun deseño novo e aberto a máis proxectos, xa que foi dirixido principalmente aos proxectos Xainines, Trasnos, Tolainas e Bule-Bule, é dicir... O noso programa EIXO!

 

Dous días e dúas noites que pasamos fóra das nosas casas, aprendendo a convivir entre nós e a sermos independentes. Pero, sobre todo, pasándoo en grande xogando, cociñando e gozando da natureza da nosa Terra.

O lugar escollido foi o Albergue de Peregrinos de San Campio de Lonxe en Tomiño. Collemos o bus o venres 28 pola tardiña, polo que chegamos para cear e elixir os nosos cuartos e camas coa mellor compañía. Despois de estarmos instalad@s e de encher o bandullo cos manxares aportados por tod@s, fixemos uns primeiros xogos nocturnos para coñecernos entre nós e máis tarde dividímonos en grupos para, os seguintes días, repartir as tarefas. En con iso e un biscoito... a tentar durmir... 

 

Ao día seguinte, un grupo foi o encargado de preparar o almorzo, polo que tiveron que erguerse un pouco antes que o resto. Unha vez cargadas as pilas para afrontar a xornada, fixemos a actividade dos bos días, e logo, puxémonos mans á obra cun rastrexo polos arredores. Repartidos por grupos tivemos que ir atopando as pistas que nos levarían a facer un quebracabezas final. Cabe resaltar que ningún grupo o conseguiu. Moitas foron as escusas aportadas pol@s participantes: que se non daba tempo, que se faltaban sobres que seguro colleran os veciños, etc... jeje... Psssss... O caso é que tódolos grupos perderon. Ao rematar, un grupo púxose coa comida mentres os demais descansaban un chisco. Despois de comer, Bule-Bule tivo o privilexio de comezar co gran concurso de cociña facendo unha fantástica torta da avoa.

 

Pola tarde, despois dun tempo libre para desconectar, @s seguintes no concurso foron Xainines e Trasnos. Ao mesmo tempo, Tolainas e Bule-Bule estiveron demostrando as súas dotes de improvisación teatral. Que de artistas temos entre nós!

 

Pola noite, de postre, tivemos o pracer de degustar as dúas tortas... Boísimas que estaban! Era a nosa última noite e, como non, tiñamos que acabala cun xogo “de medo” antes de ir durmir.

Espertamos o domingo, ultimísimo día, e outro dos grupos xa tiña preparado o almorzo. Lavámonos os dentes, fixemos as camas, recollemos as nosas cousas e... Uns fantásticos bos días musicais. Logo, outro gran xogo que tivo moito éxito entre os nen@s: a procura das xemas. Mentres, Tolainas foi quen de pechar o concurso de cociña de Xentenova coa terceira torta da avoa.

 

Despois da comida, por fin, chegou o momento esperado... A cata de cada unha das tortas! O xurado dubidou e dubidou até que por fin se decidiu: Xainines e Trasnos eran os gañador@s! A alegría desprendida e os berros de vitoria inundaron por un momento o comedor. Unha vez remataron as celebracións... organizouse a limpeza: uns encargáronse dos baños, outros das habitacións e outros da batida de limpeza dos exteriores. Tiñamos que deixar San Campio como o atopamos: limpo e relucente.


Pasaban as horas e cada vez estabamos máis preto do remate. Non queriamos marchar pero, sabedes? Haberá moitos encontros máis nos cales esperamos que volvades. Nós prometemos seguir traballando duro para que saian adiante!

Podes mirar as fotos no Álbum de Fotos

Escribir comentario

Comentarios: 0