Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

Excursión a Ézaro

E por fin conseguimos ir de excursión. Polos pelos, xa que non fomos demasiados, pero si suficientes para pasar un dia divertido.

 

Os lugares escollidos prometían, a predición do tempo tamén, o equipo de animadores era suficiente e estaba preparado, así que todo facía presaxiar que ía ser un día xenial... O Miradoiro e a Fervenza de Ézaro xunto co cabo Fisterra esperaban por nós...

Coma sempre, moita puntualidade dos participantes e do autobús que, nesta ocasión, o conducía un pai dun neno de Xentenova (cousa que agradecemos moito a Monbus). Despois das xestións mañaneiras de rigor arrincamos segundo o horario previsto. Empezamos con "moi bo pe", xa que as películas que levabamos non funcionaron no equipo de vídeo do bus... Tentamos de todo, incluso parando en dúas estacións de servizo da autoestrada, pero non houbo maneira e so conseguimos atrasarnos. Non importaba porque as cancións e as ganas que se respiraban no bus parecían seguir intactas. Tentamos coller un atallo para recuperar o tempo perdido pero coido que nos atrasou aínda máis. Non pasa nada... Seguimos a topísimo...

Unha vez en Ézaro, xa polo mediodía e despois de tomar un aperitivo, comezamos a subir ao miradoiro. Famosa pola súa dureza na Volta Ciclista a España, a subida era curta (1,6 km) pero moi empinada. Comezamos moi animados. Os moxóns que iamos atopando indicaban ramplas do 16%, 19%, 26%, 30%... ufff... que duro é isto. Ata había un tramo de cemento en lugar de asfalto para que puidesen subir os coches.

 

O grupo xa ía roto porque cada quen poñía o seu propio ritmo. Algún non puido máis e decidiu sentar no camiño a esperar. Outros o pensaron tamén, xa que viñan aínda convalecentes de febres e catarros, pero non percorremos tantos km en bus para quedar no medio do camiño, así que, despois dun gran esforzo conseguiron o premio. Finalmente e a contagotas, case todos chegamos arriba.

 

As vistas eran realmente excepcionais. Un lugar único, sen dúbida. ¿Como se pode subir dende o nivel do mar, e en tan poucos metros estar tan arriba e ter semellantes vistas? Impresionante!

Despois de desfrutar un bo rato das vistas e das distintas perspectivas que se daban segundo o lugar onde te colocabas, comezamos a baixar. Se ben para moitos a baixada prometía ser moi relaxada e xenial, para outros resultou ser peor que a subida sentindo dor nos xeonllos pola pendente. ¿Quen dixo que baixar é mellor que subir?  ;-)

Baixamos paseando e compartindo risas e boa conversa e, unha vez abaixo, collemos as mochilas e fomos a comer ao parque. Unha comida relaxada que todos desfrutamos. A medida que iamos terminando, os máis pequenos marchaban a xogar ao parque infantil. Os maiores tivemos chiringuito para tomar café, e unha vez todo recollido, sacamos o que sería a sensación dos xogos durante toda a tarde: O balón Xigante!. Foi xenial ver como os pequenos loitaban por quitarlle o balón aos animadores. Eran incansables!

A sobremesa de cancións non podía faltar, así que poñéndonos todos en círculo, pasamos un ratiño moi divertido. As cancións foron minuciosamente escollidas para non caer nas de sempre mesturando as novas con algunhas clásicas: "el pollito", "el piojo Juacho", "Cabalgando junto Robin Hood" e "Dos cadenas en acción". Que xenial que os pais e nais se apunten a cantar e facer xestos como cando eran pequenos! Unha sobremesa moi xenial!

Cansados de tanto saltar e xesticular, tocaba un momento de relax, así que paseamos ata a Fervenza de Ézaro alí ao lado. Outro lugar impresionante para estar un ratiño e relaxarnos. O salto de auga era impresionante deixando entrever que fora moito máis grande noutro tempo.


Resulta interesante estar diante da única fervenza de Europa que desemboca no mar. Todo un espectáculo! De feito foi bastante rato o que estivemos alí porque os rapaces estaban moi a gusto nas rocas xogando e rindo cos animadores.

O sol xa non estaba, pero as nubes non parecía que foran a estropearnos a tarde. Así que voltamos para o parque a xogar ao gran xogo que tiñamos preparado: "Fútbol toalla con balón xigante". A que so o nome xa promete? Pois saiu mellor aínda... porque foi brutal de divertido. Pasámolo de medo.

Finalmente, e xa avanzada a tarde, tocaba subir ao bus e facer a segunda parte do día. Posta de sol xa sabiamos que non iamos poder ver en Fisterra pero a merenda e as vistas nun lugar emblemático pensabamos que ninguén no las podería quitar.

Media hora nos separaba do lugar e ninguén de nós dábamos crédito cando, a medio camiño, comezou a pecharse todo de néboa e a chover copiosamente. Cando chegamos a Fisterra non se miraba nada de nada a poucos pasos, e chovía tanto que nin sequera puidemos baixar do bus. Tivemos que animarnos e pensar un plan b para rematar o día. O condutor permitiunos comer no bus a pesar de que logo tería él que limpialo todo. (Agradecémosllo moito). Así que merendando e algo tristes voltamos coa idea de ir baixando cara Vigo pola costa esperando atopar mellor tempo cara o sur e poder parar nalgún lugar un ratiño.

 

A noite apareceu e a choiva non paraba, e nalgún lugar desviámonos cara o norte dando un rodeo que fixo que a volta a casa fose bastante longa e, para algúns, algo tediosa. So tivemos tempo para unha mini parada nunha estación de servizo para tomar un café e comprar algunhas chuches.

A pesar de todo, coido que o balance do día foi positivo para case todos. Moitos estabamos con gañas de excursión e o foi xenial que esta saíse adiante. Ézaro xa quedou máis que desfrutado, asi que teremos que volver a Fisterra. ¿Que vos parece unha excursión comezando en Fisterra e subindo cara o norte? Aí o deixamos. :-)

P.D.: Aquí deixamos unha reflexión sobre as excursións de Xentenova. Que pasa que non teñen xente nin a veces animadores e temos que cancelalas? ¿Onde quedaron aquelas da neve de 80 persoas nun bus de dous pisos de hai dous anos? Estamos a facer algo mal?: lugares mal escollidos?, convocatorias mal prantexadas ou tardías?, prezos pouco populares?, datas mal escollidas?, actividades pouco atractivas? Estas preguntas e outras son as que nos facemos cando non sacamos as excursións adiante.

Escribir comentario

Comentarios: 0