Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

 · 

Campamento de Verán 2019

E finalmente tivemos miniCAMPAMENTO de verán. 21 Tolainas e Bule-Bules fomos ao Albergue de Sabucedo (A Estrada) do 24 ao 28 de Xullo a pasar uns días moi divertidos.

 

Alí fixemos unha morea de xogos, dinámicas e actividades que, xunto coas tarefas de limpeza e cociña,  axudaron a coñecer mellor aos compañeiros de viaxe e facer que a experiencia fose máis enriquecedora. 

Semella que o pasamos ben e que tanto os participantes como os animadores voltamos moi satisfeitos.

Todo comezou no mes de Maio cando anunciamos que este ano non iamos ter campamento por mor da nosa infraestrutura actual. Aínda así, e a pesar das dificultades, as nosas cabezas tentaban argallar algunha alternativa. Estudamos as datas, os lugares, a infraestrutura, e .... walá!: a primeiros de xuño anunciamos un "miniCampamento de verán". Tivemos a sorte de conseguir o lugar perfecto nas datas perfectas. Decidimos levar so a Tolainas e Bule-Bules para facilitar o traballo dos 4 animadores sobre os que recaería todo o peso.

 

Quedaba pendente o tema das comidas, e ata tanteamos algún cociñeiro profesional, pero finalmente non puido ser e tivemos que pensar en como organizalo pola nosa conta. Sería todo un reto que Joaquín e Aldara salvarían de forma maxistral.

 

Así que finalmente o día 24 pola tarde xa estabamos todos alí para subir ao autobús e emprender a viaxe. Unha mágoa que quedase unha praza baleira que non fomos quen de cubrir. 21 participantes de 13 e 18 anos e 5 animadores comezabamos á aventura que estaría ambientada nun hotel que busca novo persoal.

Despois dunha hora de viaxe, xa estabamos no albergue. O lugar prometía, xa que o edificio estaba moi ben, e o lugar era moi chulo situado nunha carballeira grande e moi frondosa.Tocaba facer algún xogo para coñecernos un chisquiño, sobre todo os participantes novos, e aprender as normas do hotel. Tamén nos organizamos en grupos para levar a cabo as labores de cociña e limpeza durante todo o campa. Finalmente cada participante tivo que dirixirse á Recepción para inscribirse no hotel e conseguir a chave da súa habitación.

 

Ceamos todo o que trouxemos da casa para compartir e fixemos unha misión imposible moi divertida para facer selección de persoal, na que os participantes demostraron as súas habilidades para traballar nos distintos postos do hotel.

O segundo día comezou cun fantástico almorzo e os bos días dentro dun cadrado. Iniciamos as rutinas de cociña e limpeza para que tod@s as fosen asimilando e demostramos as nosas capacidades de animación deportiva nun hotel. Exitazo do fútbol toalla! Tamén apareceu a choiva polo que aproveitamos para facer un obradoiro de chaveiros. Pola tarde un fantástico Times up e o gran xogo do Identity no que houbo que poñer a proba as nosas capacidades detectivescas para localizar á persoa que lle tivese pasado certa cousa extraordinaria.

 

Fixemos unha cea riquísima e pola noite nos esperaba outro xogo detectivesco ao aire libre no que conseguir os códigos do outro equipo. Os participantes correron e correron, e xurdiu a picaresca para estirar as normas ao máximo. Finalmente, tempo para sosegarnos antes de ir para cama e valorar o día.

O terceiro día ía ser o da camiñada máis longa da historia. Almorzo e bacadillos para saír a patear. En todo bo hotel ten que haber excursións ben organizadas, así que fixemos o roteiro dos muíños a carón do albergue mergullándonos nunha paixase moi propia da Galicia profunda. Despois da ruta, percorremos o pobo e rematamos outra vez na carballeira onde iamos pasar o resto do día xogando coa historia, a tradición e a natureza. Alí estaba o curro onde se fai a "Rapa das Bestas" cada ano, festa e tradición que xa ten recoñecemento internacional. Dentro do anfiteatro coñecimos un pouco do que alí se fai, do que significa a tradición ancestral.

 

Pola tarde aproveitamos ese lugar emblemático para facer a nosa tradicional sobremesa de xogos. Momentazo!. E despois dun pequeno descanso puidemos experimentar os fantásticos xogos que os participantes foron quen de argallar para demostrar que poderían ser animadores de actividades dun hotel. Xa de volta tempo para as duchas e preparar unha fantástica cea que compensase a dieta de bocadillo que tiveramos durante o día. Xa pola noite. momento zen no spa do hotel cunha dinámica na que tiñamos que experesarnos debuxando. Ao primeiro houbo reticencias pero ao final, parece que a experiencia foi moi enriquecedora e creativa, e ben valorada. Cada quen puido levarse para a súa casa o debuxo que lle fixeron entre tod@s. Como cada noite, tempo relaxado de comunicación para avaliar o día e expresar as nosas opinións sobre a nosa aventura.

 


E xa estamos no cuarto e derradeiro día completo no hotel. Ía ser outro día completiño. Almorzo e momento zen para escoitar a natureza. En todo hotel hai piscina polo que tiñamos que demostrar as nosas destrezas nos xogos de auga. Tristemente o tempo non acompañou e facía fresco, polo que aprazamos ditos xogos para a tarde. Así que tocou preparar toda a festa da noite, xa que en todo hotel, cando hai grupos, a derradeira noite ten que ser memorable.

E que mellor proba para os nosos participantes que organizar entre todos unha fantástica cea de fin de ano. En agosto si!!!, a que estamos ben tolos? :·) Alí preparamos adornos navideños, luces de nadal, e fixemos 2 obradoiros de postres: minicurasáns e mininapolitanas de hoxaldre e trufas. E para completar a mañá, a merenda foi do máis sonado cuns peassos trozos de melón ricos riquísimos.

 

Pola tarde os xogos de auga non defraudaron, como soe ser habitual. pouca auga pero moi ben repartida! Duchas e preparación da cea e do comedor. Pola noite baile de nadal e como non... ás 12 en punto campamadas con lacasitos. Máis baile e finalmente a durmir. Remataba outro día xenial e moi intenso.

 


E finalmente quinto e derradeiro día. Saúdo ao sol e enquisa de satisfacción do hotel nos bos días. Tocaba facer os derradeiros xogos, que neste caso serían cooperativos, e recoller todo o tinglado que montaramos o día anterior.

Ademais tiñamos que deixar recollido todo o hotel para que non se notase o noso paso por alí. Queriamos deixalo mellor do que o atopamos ao chegar. Tod@s colaboramos, e así foi, xa que os animadores quedamos moi satisfeitos e o encargado do albergue tamén.

 

A merenda da mañá tamén foi memorable coas supersandías, e o bufet de ensalada do xantar, tamén. Os postres tampouco defraudaron, xa que había que terminar todo e había para repetir. As trufas estaban ainda mellor que o día anterior.

E así rematou o miniCampamento do 2019. Os animadores quedamos moi satisfeitos tanto pola actitude dos rapaces como por como acolleron as actividades que preparamos. O maís difícil, a priori, era o tema da comida, e coido que o solventamos con nota. Unha vez máis temos que agradecer a Aldara e Joaquín o seu fantástico traballo, xa que non sobrou nada, non se tirou nada, e coido que ninguén pasou fame. Fixeron uns cálculos perfectos. Esperamos que os que participástedes, teñades a mesma boa impresión que nós.

 

 

E ata aquí esta crónica. Agora toca que fagades comentarios que enriquezan este texto. Un saúdo, bo verán e ata o curso que ven.

Escribir comentario

Comentarios: 0