Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

 · 

Campamento Xentenova 2020: CIVIX

Os Trasnos na Praia Fluvial do Río Deva
Os Trasnos na Praia Fluvial do Río Deva

A pesar do COVID, tivemos campa!!

Contra todo prognóstico, neste 2020 finalmente marchamos de campamento durante unha semana ao Albergue Rural “O Coto”, en Arbo, Pontevedra. Este ano, a diferenza do anterior, marchamos tanto Bules e Tolainas, coma Trasnos; sendo en total 22 nenos e 5 animadores.

 

Máscaras, distancia social, grupos burbulla, moreas de xel hidroalcóholico, e unha larga lista de normas anticovid, que marcaron tanto este verán semellaban estar en contra da típica diversión xentenoviana que nos caracteriza.

 

Estivemos separados por grupos de idade ao longo de todo o campamento, tanto en actividades e habitacións coma nas comidas ou tempos libres; sempre levabamos a máscara posta, menos cando nos bañabamos no río ou nos duchabamos. Ademais a limpeza absoluta de todas as instalacións comúns, era unha obriga diaria. Todo para reducir o máximo posible o risco de infeccións durante estes días, e así coidar dos rapaces aos que tanto queremos. Non obstante, e coma sempre, pasamos a mellor semana do verán.

 

Os Bules no bus camiño do Albergue
Os Bules no bus camiño do Albergue

Todo comezou un chuvioso día de agosto, concretamente o venres 21. Cerca das 12:30 as familias comezaron a chegar ás instalacións de Xentenova. Impacientemente esperamos polo bus, aínda que máis impaciente foi o condutor que case marcha sen os animadores dentro, debido a lingua tan solta que ten o noso director Diego. Unha vez todos estabamos repartidos no bus respectando a distancia de seguridade interpersoal, comezamos a nosa viaxe que aproximadamente durou unha hora, e estivo chea de conversas apaixonantes sobre os temas máis variado. Destacaban as ganas de chegar ao lugar.

 

Ao baixar do bus tivemos que camiñar coas maletas un tramo ata o albergue, que resultou estar a uns cantos metros do río. Apartamos as maletas a un lado e dirixímonos ao comedor para engulir a nosa deliciosa comida. Ao terminar realizamos algúns xogos de presentación que foron seguidos da icónica charla das normas con Diego, sendo este ano máis extensa debido ao Covid.

 

Coa tarde xa case consumida, repartimos aos rapaces nas habitacións e dispuxémonos a cear unha ensalada. Despois, a temática do campamento foi revelada. Resultamos ser compañías farmacéuticas en busca da vacina contra o Covid. Así que cada grupo dedicou a velada a deseñar un logotipo propio e carnés para os empregados.

 

Facendo o saúdo ao sol matutino para estirar o corpo
Facendo o saúdo ao sol matutino para estirar o corpo

O día seguinte comezou como calquera outro, espertamos ás oito e media, almorzamos ás nove e comezamos o día facendo un saúdo ao sol coa axuda de Roberto, seguido dos diferentes bos días. Antes de comezar coa actividade, asimilamos os procesos de limpeza e desinfección dos baños, obrigatorios todos os días. Pasamos a mañá na beira do río realizando diversos xogos para obter fondos para as investigacións nos que, asombrosamente, os Tolainas derrotaron a Trasnos e Bules.

 

Tras a comida, chegou a hora do obradoiro. Fixemos un portamáscaras, moi útil para eses pequenos momentos nos que tiñamos que quitalas. Despois baixamos ao río, onde desfrutamos da auga ata a hora de subir, ducharse e cear. Cómpre destacar o mellor achado do mes: unha corda que nos permitiu tirarnos ao río. Na velada puxemos a proba as nosas capacidades explicativas cunhas rondas de Times-Up. Chegou a hora de durmir, sen saber o que acontecería ao día seguinte.

 

Trasnos camiñando
Trasnos camiñando

Comezamos o terceiro día como o anterior, pero este vez tivemos que preparar as mochilas para ir de camiñada. Tras coller a auga, gorra, crema e demais, dirixímonos ao comezo da ruta, preto da Ponte Romana. A idea, debido a que a ruta era circular, foi comezar pola mañá dun lado, comer nun miradoiro, e chegar pola tarde ao albergue. Mais, debido ao mal estado do camiño e ás inesperadas temperaturas e ausencia de sombras, os nosos plans foron truncados e nos vimos obrigados a atrasar a hora da comida e acortar a ruta.

 

Pero non hai mal que por ben non veña, e rematamos pasando unha marabillosa tarde no río, que revitalizou a todo o grupo. Tras as duchas e a cea, comezou unha das veladas máis queridas polos rapaces, a caza do monitor, que finalizou sen atopar a dous dos tres animadores agochados.

 

Os Trasnos posando despois de facer a dinámica dos Bos Días en torno á natureza
Os Trasnos posando despois de facer a dinámica dos Bos Días en torno á natureza

Tras a rutina de mañá, para dificultar os roubos do material e descubrimentos dos nosos respectivos laboratorios, os grupos tivemos que facer un percorrido con pistas que levaran ao camiño correcto ou a canellóns sen saída. Mención honorífica ás lentellas preparadas ese día. Para potenciar as nosas habilidades científicas, obtivemos certos coñecementos en química que nos axudaron a realizar uns experimentos: unha lámpada de lava, unha lata saltarina, e unhas cromatografías de diferentes rotuladores. Como de costume, baixamos ao río e pasamos un bo rato refrescándonos e aliviando a calor. Duchámonos, ceamos e realizamos a velada planificada esa mesma mañá. Houbo certa confusión cos camiños a seguir, pero todos rematamos por pasalo xenial.

Bañándonos na Praia Fluvial do Río Miño
Bañándonos na Praia Fluvial do Río Miño

Comezamos este quinto día como calquera outro, pero unha vez máis tivemos que preparar as nosas mochilas para camiñar. Esta vez seguimos unha ruta máis sinxela, que nos conduciu ata a praia do río Miño en Arbo, aínda que debido a sinalización confusa, rematamos por atrasarnos un pouco. Alí pasamos a tarde entre chapuzóns e xogos de sobremesa, sendo a envexa de todo quen mirase. Volvemos coma habitualmente para ducharnos e cear. O tempo botóusenos enriba, e os animadores tiveron que cambiar o xogo da velada, pero foi un éxito. Este consistía en tentar roubar o material do laboratorio dos outros grupos.

 

O penúltimo día do campamento chegou, e comezou coma sempre. Pero pasou algo especial, e é que Ana viu a pasar o día connosco. O xogo da mañá foi o típico xogo de burocracia, que nos fixo movernos dun lado a outro sen parar. Despois de comer, chegou a hora de preparar a última noite que pasaríamos alí. Por grupos preparamos distintas actuacións, ata que chegou a desexada hora de baixar ao río. Pola noite, ceamos na terraza, e acto seguido comezaron as actuacións, nas que destacaron os numerosos magos que saíron ao escenario. E así rematou o último pero divertido día completo no albergue.

 

Os Tolainas na Praia Fluvial do Río Deva
Os Tolainas na Praia Fluvial do Río Deva

Finalmente, chegou o último día de campa. Realizamos todas as tarefas habituais, engadindo a recollida das nosas maletas e mochilas. Debido a problemas inesperados, os animadores víronse forzados a cambiar a actividade da mañá e rematamos por facer distintos xogos de auga que non deixaron a ninguén indiferente. Todo seguido dun último chapuzón rápido para despedir o lugar. Despois da comida chegou a parte máis triste do campa, a limpeza e recollida total do albergue. Divididos por grupos, cada un fixo unha tarefa diferente para desinfectar as instalacións, e tras todo iso recollemos as nosas pertenzas e dirixímonos ao bus por grupos despedíndonos do albergue ata a próxima ocasión. Cando chegamos a Vigo, atopámonos con todos os pais e nais esperando aos seus fillos, e tras uns saúdos e agradecementos, cadaquén marchou a súa casa.

 

Os animadores reunidos pola noite
Os animadores reunidos pola noite

En resumo, pese a todos os contratempos e a distancia social, pasamos uns días xeniais rodeados de persoas que dunha forma ou outra fixeron da nosa estancia unha experiencia para lembrar.

 

E non podemos rematar este artigo sen agradecer todo ese duro traballo que os animadores tiveron que levar a cabo para que puidésemos desfrutar do campamento. Destacando as súas habilidades culinarias e facilidade para salvar a situación e facer que todos o pasemos xenial.

 

 

 

Candela Carrasco e Xabi Ferreiro (18 e 17 anos)


Escribir comentario

Comentarios: 0