Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

 · 

Triste final para un bo soño, o noso soño!

COMUNICADO OFICIAL

Peche definitivo da Asociación Xuvenil Xentenova

 

Alá polo 22 de Xuño de 1985, e tras levar xa uns 25 anos realizando actividades como centro xuvenil, constituíase legalmente a Asociación Xuvenil Xentenova para “contribuír no tempo libre á educación e á promoción integral de nenas e nenos, adolescentes e mozas e mozos” mediante voluntariado xuvenil. Con data 29 de Decembro de 2020, e tras máis de 30 anos facendo todo tipo de actividades educativas, os socios e socias actuais da entidade víronse obrigados a tomar a triste decisión de poñer fin a ese soño que foi Xentenova e disolver a entidade definitivamente. Nos vindeiros meses producirase a liquidación da Asociación como entidade xurídica.

 

Non hai un so motivo que provocara esta decisión, senón varios. Dende hai uns anos a situación económica da entidade viuse prexudicada enormemente polo descenso continuo de participantes nas actividades propostas e de socios e afiliados que puidesen facer fronte ás cotas asociativas, así como a desaparición, descenso e falta de achegamento á realidade das subvencións públicas. A falta de animadores voluntarios tamén foi en descenso continuo nos últimos anos, reducindo a oferta educativa da entidade, saturando aos que permanecían ao pe do canón, e poñendo en grave perigo o futuro da entidade.

 

A maiores, este ano, debido á alerta sanitaria provocada pola Covid‐19, cun confinamento total primeiro e as restricións posteriores, fixo imposible o normal funcionamento da asociación, sendo inviable levar a cabo as actividades habituais por ser totalmente incompatibles coa normativa de seguridade establecida. As previsións a medio prazo non son mellores e a asociación xa non dispón de fondos que lle permitan resistir máis tempo esta situación. Por todo elo, e unha vez analizados os ingresos e gastos reais dos últimos dous anos, confírmase unha evolución en caída, que provoca que esta entidade deba suspender toda a súa actividade de inmediato e proceder á súa disolución, por ser economicamente insostible e para non xerar máis débedas das actuais.

 

Como ben sabedes, Xentenova ten un coordinador de actividades contratado a media xornada dende hai 13 anos que, atendendo a todo o descrito anteriormente, e contra a nosa vontade, causará baixa laboral con data 31 de Decembro de 2020. Por diante quedan uns duros meses de liquidación no que a entidade terá que vender case todo o material de que dispón para poder facer fronte ás débedas actuais antes de proceder a doar o sobrante e dar por rematada a vida da entidade a nivel xurídico. (Nin que dicir ten que, en caso de que algún afiliado dos que participou neste primeiro trimestre do curso se sentise prexudicado/a por esta decisión de peche, estaremos prestos a atender as súas demandas dentro das nosas posibilidades).

 

A tristura e o silencio do loito enchen o noso pequeno mundo nestes momentos. Moitos foron os esforzos e a dedicación empregada en salvar esta situación dende hai xa algúns anos, e a frustración por non ser quen de conseguilo provocan un montón de sentimentos negativos que moitos tardaremos en superar. Nos nosos corazóns queda o final dun soño que foi pero que non poderá seguir sendo. O noso desexo era deixarlle esta entidade viva aos que veñen detrás tal e como outros o fixeron connosco antes, pero xa non poderá ser. Pode que non soubésemos interpretar as necesidades dos novos tempos e pode que non soubésemos chegar a toda a infancia e a mocidade do noso entorno nestes últimos anos. Pode que non puxésemos sobre a mesa todo o que puidemos dar. Pode que as “pantallas dixitais” enchan todo o espazo de lecer infantil e xuvenil nestes tempos que nos toca vivir e que sinxelamente a razón de ser de Xentenova como espazo de lecer e xogo educativo non teña cabida na actualidade. Pode que ... (cada quen que poña o que desexe). Todo iso non o sabemos. Pero o que si sabemos e que xa non podemos máis.

 

Os agradecementos, que serán moitos, quedan para un vindeiro comunicado nos vindeiros meses cando se achegue o final xurídico. Hoxe a tristura éncheo todo e non temos enerxías para facelo como se merecen todas as persoas que pasaron por Xentenova ao longo dos anos. Haberá tempo para eses agradecementos cando asimilemos esta situación.

 

Unha aperta para todos e todas e Feliz Aninovo 2021!

OS SOCIOS E SOCIAS DE XENTENOVA

Escribir comentario

Comentarios: 0