Como ben indica o seu nome, este programa tenta ser o "eixo" da nosa entidade. É o que da razón do que somos e facemos; é o que primeiro promovemos e onde nos gusta que participen máis rapaces e rapazas. Tenta ser un itinerario educativo en valores a través do xogo, no que poder desenvolver destrezas persoais de cara aos outros a medida que imos medrando e pasando polos distintos proxectos que o compoñen. É un programa aberto a calquera persoa menor de idade podendo incorporarse en calquera momento do proceso e do curso. Ten un proxecto pensado e deseñado para cada franxa de idade entre os 6 e os 18 anos: Xainines, Trasnos, Tolainas e Bule-Bule.
Son proxectos de carácter semanal, sendo moi importante o valor do grupo, polo que a participación continuada das rapazas e rapaces resulta fundamental para
a consecución dos obxectivos marcados.
Todos os proxectos son de curso escolar (outubro a Xuño) e rematan cun campamento de verán.
Proxecto Xainines
Os Xainines son uns duendeciños pequenos da mitoloxía galega, que se adican a buscar patacas. Son os máis pequenos de Xentenova e veñen todos os sábados pola mañá a xogar en torno a unha aventura que dura todo un trimestre. Aprendemos un montón de cousas a medida que xogamos.
Proxecto Trasnos
Os trasnos son uns pillabáns... listos como allos. Veñen todos os sábados pola mañá a xogar e aprender un monton de cousas en torno a unha aventura que dura todo o trimestre. Probas, pistas,
rastrexos, grandes xogos, acertixos, música... Unha morea de cousas para pasalo en grande.
Proxecto Tolainas
Cando empezamos a deixar de ser nenos, moitos din por aí que volvémonos "tolos" porque facemos "tolerías"... Pero nós non estamos dacordo... así que nos chamamos "Tolainas" e vimos todos os sábados pola mañá a facer "Tolainadas" a Xentenova en torno a unha aventura que dura todo o trimestre.
Proxecto Bule-Bule
Os Bule-Bule somos mozos e mozas que vimos os venres pola tardiña a pasar un rato xuntos e facer actividades de todo tipo. A idea é que poidamos deseñar, escoller e realizar nós mesmos as actividades que queiramos. Pero tamén nos gusta que os nosos animadores nos sorprendan con dinámicas e xogos preparados por eles cun pouco máis de contido. Polo tanto un día, aí atrás, establecemos que unha semana teriamos dinámica e outra teríamos actividade libre escollida por nós. E así vimos facendo dende hai xa algún tempo.
O proxecto Bule-Bule foi creado por rapaces bules da década dos 90, e segue a funcionar semana a semana dende entón. Se cadra, foi cambiando ao longo dos anos, pero sen perder a esencia da súa orixe.