Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

O voluntariado como proceso de crecemento persoal

Unha das pezas funtamentais da nosa proposta son os animadores voluntarios. O animador e animadora non é tanto quen ensina, quen dirixe ou quen dispón, senón alguén que camiña cos mozos e mozas, descobre con eles, déixase cuestionar e sabe propor novas metas de maduración. Para nós apostar polo voluntariado é moito máis que ter animadores que realicen as actividades. Cremos nun voluntariado que nos fai medrar a medida que tentamos axudar a outros, que nos fai sensibles ante as realidades sociais e que contribúe a mellorar o mundo.

Xentenova: unha gran familia

En definitiva, na nosa intención está que os destinatarios, familiares e socios recoñezan Xentenova como a súa casa e se sintan membros dunha gran familia. Unha familia na que todos nos sintamos acollidos, na que se respire un ambiente san e construtivo, na que todos nos sintamos protagonistas e responsables en maior ou menor medida da entidade e colaboremos para mantela ao longo do tempo, na que os que xa non están poidan acompañarnos cando o desexen, na que ninguén saia pola porta traseira, que sexa referente no barrio e na cidade e que facilite o achegamento doutras persoas especialmente os máis desfavorecidos.