Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

De Centro Xuvenil a Asociación Xuvenil. (2007 ata hoxe)

Todo este suceso da lugar a meses de transición nos que xentenova, coa moral fortemente danada e literalmente na rúa, perde algúns socios e voluntarios importantes. Por diante a gran decisión de disolver a entidade ou seguir cara adiante. Os ánimos non están para moitos trotes pero a rabia e o orgullo quizáis boten unha man. Finalmente os socios, apoiados por algúns pais de usuarios incondicionais, deciden tentar reflotala fora xa do ambiente salesiano e por conseguinte eliminando o matiz confesional do seu ideario, para dar paso a unha nova etapa chea de incertidumes e de retos. Sucéndense distintas reunións no concello e na Xunta de Galicia pero que non aportan moita luz ao asunto. Sen embargo é a Asociación de Veciños San Roque quen vai dar un forte empurrón a este proceso prestando os seus locais para que poidamos comezar de novo, e ademais a 50 metros das antigas instalacións. E xa en Xaneiro de 2008, Xentenova retoma algunhas actividades semanais para nenos, algunhas puntuais para mozos, así como unha fin de semana dirixido a motivar ao equipo de voluntarios e que resultou moi positivo para todos.

 

Chegamos así ao verán de 2008, no que a entidade consegue levar a cabo un campamento de verán nas instalacións da Xunta de Galicia na Illa de Ons para nenos e mozos de 8 a 18 anos. Son 50 prazas repartidas en 3 campamentos por idades, que resulta un rotundo éxito.

 

Xa no curso 2008-2009, a planificación volve a realizarse con certa calidade, co obxectivo de consolidar os proxectos xa iniciados e recuperar algunha actividade puntual das que críamos importantes antes. Sucédense novos nomes de proxectos, novas historias e aventuras, acompañados tamén de algún novo voluntario que aporta frescura ao equipo. Así, Pícaros pasará a ser Xainines, Andaina convertiráse en Trasnos e Ads en Tolainas. Voltamos co Apoio Escolar tres días á semana e co obradoiro de Guitarra os venres pola tarde. Bule-Bule segue a facer os tradicionais Cafés Concerto e a Festa Celta así como algunha Acampada Sendeirismo. Recuperamos, xunto coa A.VV. San Roque, as tradicionais festas do Magosto e do Entroio así como a Excursión á Praia que nesta ocasión foi a Limens e resultou xenial xa que foi a primeira na que tamén estaban convidados os pais e nais. Ao final do curso realizamos por segundo ano consecutivo o Campamento de Verán para 50 rapaces e rapazas, esta vez nas instalacións que a Xunta de Galicia ten en Porto do Son, sendo outro rotundo éxito aínda que o de maiores de 15 anos tivera que suspenderse por falta de cuorum. Este verán viuse reforzado pola nova actividade de Mañás de Verán, que consistía en abrir a Asociación todas as mañás para que os rapaces viñeran a xogar e a estudiar un chisco. Parece que o esforzo comeza a dar os seus primeiros froitos e comezamos a notar de novo ese tufillo san de épocas pasadas.

 

No curso 2009-2010, todo empeza con sensación de estabilidade, xa que a A.VV. San Roque cédenos unha pequena oficina para estar máis presentes e dunha maneira máis estable. Outro cambio obrigado e importante neste curso é a aprobación dos novos estatutos da entidade que quedara pendente dende a nosa saída do ambiente salesiano: todo o referente ao específicamente salesiano elimínase e mantense todo o demais; así mesmo modifícase algún outro artigo para que os socios maiores de 15 anos que non desexen ser animadores cobren máis importancia na entidade de cara a abrirnos máis ao exterior; e por suposto modifícase o enderezo do Local Social, que quedara pendente da autorización da A.VV. Era algo que aínda nos ataba ao pasado polo que quitamos un gran peso de enriba nosa. Despois de varios anos volvemos a facer a visita aos colexios ao principio do curso, para dar a coñecer a entidade, iniciativa que provoca que moitos nenos e nenas novos se acheguen a Xentenova. A participación aumenta considerablemente nas actividades de Apoio Escolar, Guitarra, Xainines e Trasnos. Volvemos realizar o Magosto coa A.VV. na Finca de San Roque, que se empeza a convertir xa nunha cita importante do barrio, e recuperamos o Festival de Nadal. En Xaneiro, e despois de algúns anos de sequía voltamos á Manzaneda coa nosa tradicional excursión á neve, e voltamos a convidar aos pais, cousa que resultou moi positiva. Na excursión á praia... pois iso, fomos á prai... digo ao río, ó de Allariz, onde tanto pais como fillos o pasamos moi ben. A nosa 3ª edición do Campamento de Verán foi en Boiro, e será para recordar xa que foi ambientado no Señor dos Aneis e tivo moito éxito entre os participantes. Mágoa que Tampouco tiveramos quorum para facer o de Bule-Bule, así que finalmente o Campa foi de Trasnos e Tolainas soamente.

 

Pero neste ano 2010 había un evento que sobresaía por riba de tódolos demais: O 25 ANIVERSARIO DE XENTENOVA. Vintecinco son moitos anos para non pararse e celebralo por todo o alto. Finalmente non foi tan polo alto como nos tivera gustado, xa que empezaba a notarse a famosa crise económica, e non había cartos para facer moitos alardes. Creamos un logotipo dos 25 anos que puidese acompañar ao oficial en todos os documentos emitidos. Adicouse a temática da Axenda aos 25 anos e proxectamos unha nova camiseta. E, por suposto, non podía faltar un encontro de animadores históricos no que poder xuntar a toda a xente que ao longo deste tempo fixo posible Xentenova. Puxemos en marcha toda a maquinaria que tiñamos ao noso alcance para localizar as vellas glorias, sendo conscientes de que non iamos chegar a todos. Buscamos nas redes sociais, fixemos funcionar a cadea do boca a boca e, finalmente, demos atopado a moitos aínda que non todos claro está. Hai que recoñecer que tiñamos dúbidas de como reaccionaría a xente no que se refire á expulsión de Xentenova do mundo Salesiano e como afectaría ao encontro. Sabiamos que algúns non sabían nada do tema, outros escoitaran algo, e outros xa se tiñan posicionado a favor ou en contra do ocorrido. Finalmente fomos sorprendidos por caras que non esperabamos atopar, e por suposto tamén botamos en falla algunhas ausencias notables. Fixemos unha cea nos locais actuais para situar a nova etapa, e tódolos animadores en activo fixeron un gran esforzo como anfitrións. Entregamos un "poñotodo" co logotipo de Xentenova a cada un, e houbo moitos xestos que non esqueceremos. Decatámonos tamén tristemente de que faltan 10 anos de álbumes de fotos que alguén debeu levar hai tempo e que non sabemos como recuperar. Foi unha cea inolvidable que nos mantén agora moito máis preto da nosa historia e das persoas que a fixeron posible. Quedamos todos emplazados para celebrar os 30 anos.

 

Todo isto ocorreu en Novembro de 2010, pero antes comezaría o curso 2010-2011, unha etapa máis no noso camiño, e coma sempre chea de ilusión e novas forzas. Voltarían as actividades habituais que estaban tendo máis ou menos éxito según cal pero nas que seguiamos a crer fielmente. Voltamos aos coles para dar a coñecer a nosas actividades e comezamos pasiño a pasiño tentando facer as cousas ben. Encontros de animadores, Festa de Inicio, Magosto, convivencia de Tolainas de fin de semana e o día a día das actividades ordinarias deron paso á velada de Nadal, que foi un rotundo éxito. Pasou o Nadal e voltou a excursión á Neve, o Entroido, e para finalizar a Excursión á praia, que despois de varios anos voltaría ás Illas Cíes. Cabe destacar este curso o éxito que está a ter o noso obradoiro de guitarra, tendo unha asistencia moi estable que crece ano a ano. E para rematar ben outro ano positivo, quixemos corrixir varios erros na preparación do campamento de verán, pero ao final chegamos ao mes de Agosto coa auga ao pescozo, coma sempre. Nesta ocasión si sairía o de Bule-Bule, e polo tanto foron tres campamentos xuntos, feito que nos complicou moito máis a coordinación e fixo que tiveramos que emplearnos a fondo. Finalmente saiu adiante non sen atrancos importantes, e con máis cansanzo psicolóxico do habitual, pero coas ilusións intactas de cara ao ano que ven.

 

E así chegamos ata este curso 2011-12. Un ano que comeza coas mesmas actividades de sempre, pero cun reto moi importante a nivel de xestión, xa que o baixón das subvencións provocado pola crise económica está a poñer en xaque as contas da entidade e con elas o seu futuro. A elección dunha nova Xunta Coordinadora, que chega con novas caras e novas ideas pode ser un revulsivo a todos os novos retos de cara ao futuro. Por diante queda moito traballo que facer e moitas experiencias que vivenciar.