Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

A Historia antes da Historia

É difícil precisar para nós en qué ano comezou a súa andaina o Centro Xuvenil. Sabemos que o "Colegio Hogar" foi fundado en 1948, e temos un fantástico álbum de fotos do Centro Xuvenil que comeza no curso 1969-1970. Sabemos tamén que o Clube de Fútbol de dito centro foi fundado en 1958, polo que podemos intuír que o Centro Xuvenil comezaría tamén ao redor do 1960 ou seguintes. Polo que observamos nese álbum de fotos, a pesar de non ser unha entidade xurídica xa se organizaban como tal mediante unha Xunta Directiva tendo os cargos de presidente, secretario, tesoureiro, vocais e Director (cargo do salesiano responsable), e xa daquela cada neno tiña o seu carnet de membro do Centro Xuvenil. Facíanse diferentes tipos de actividades como a catequese, excursións (Vilagarcía, Pontevedra, A Toxa, Baiona, Sanxenxo, Panxón, Roma, etc.) veladas no salón de actos, cine, Festivais da Canción Infantil no que os rapaces saían a cantar ao escenario, unha actividade de debuxo (non sabemos se eran clases ou concursos), teatro, festas nas que se facían carreiras de sacos e de ciclismo, probas de forza, destreza, lentitude e pucheiros, etc... Celebrábase a Festa de Don Bosco e de María Auxiliadora, e tamén a de clausura na que se entregaban premios e agasallos para todos os participantes ao longo do curso. O deporte tiña unha especial relevancia, xa que atopamos fotos xogando ao voleibol, ciclismo, atletismo, o cross de Don Bosco, ping-pong, e por suposto o fútbol na que aparecen diferentes equipos participantes de ligas locais e provinciais (non sabemos ser eran do Centro Xuvenil, do Clube de Fútbol ou se dito clube, naqueles anos, estaba incluído no centro xuvenil).

 

Son poucos os nomes de animadores que coñecemos. Sobre todo están ligados á Xunta Directiva: José B. Álvarez, Luís López, César Porteiro, Jose C. Fernández, Jorge Painceira, Carlos Abalde, Jesús A. Cid, Félix Fernández, Jesús Rodríguez, Emilio Lameiro, Luís Freire, Germán García (Salesiano), Chuqui, Menchu, Tito, Melé, Jorge, Hermo, D. Primi, ...