Educando no tempo libre dende 1985

1ª Trav. de Couto San Honorato Nº3, Baixo

36.204 - Vigo (Pontevedra)


626 531 723

O Centro Xuvenil. (1985 a 2007)

Constitución da Asociación

 

A día 22 de Xuño de 1985 asínase o Acta Fundacional xunto coa aprobación dos correspondentes Estatutos da nova entidade que se denominará Asociación "XENTENOVA" SAN ROQUE (atopamos dúas actas fundacionais: entendemos que a segunda motivada por algún erro de forma. A efectos de data de nacemento tomamos a primeira). Son membros fundadores Francisco Javier Arístegui Ignacio, Manuel Teijeiro Fernández, Rosa Mª Cameselle Fernández, Manuel Loureiro Pérez, Jose Francisco Trasobares Ramos, María José del Riego Conde, Juan Bouza González e José Luís Melendro Macho. A nivel estructural a partir de agora existirá un Centro Xuvenil do "Colegio Hogar" e dentro del unha Asociación denominada Xentenova. Sen embargo a nivel de funcionamento e de sentimento dos socios, falar de Centro Xuvenil e de Asociación será o mesmo; de feito o nome polo que nos coñeceremos popularmente a partir de agora será "Centro Xuvenil Xentenova".

O Centro Xuvenil

 

O Centro Xuvenil continúa facendo o que sempre fixo. Na idea de fondo non cambia nada. Se ben irán cambiando as persoas e algunhas actividades para ir adaptándonos aos novos tempos. Sempre haberá un salesiano no posto de Director, que estará máis ou menos presente na vida do centro (segundo a persoa), e que irá cambiando ao longo dos anos. O Centro Xuvenil segue a ter ritmo de fin de semana e seguen a facerse actividades como a catequese, o obradoiro de música (ligado ao grupo que tocaba nas misas do domingo), obradoiros variados como o de mecanografía (daquela aprender a escribir a máquina era un luxo que abría moitas portas), a excursión á neve e á praia, a Campaña Solidaria de Nadal máis coñecida como Operación Kilo, e sobre todo, o cine dos domingos pola tarde que enchía de rapaces o Salón de Actos do Colexio para disfrutar dunha película en pantalla xigante. Algúns lembran que che poñían no teu carnet un selo se asistías á catequese, e so os que tiñan o selo podían ir ao cine.

 

Posteriormente foron incorporándose novas actividades froito de iniciativas dos propios animadores ou de propostas feitas dende a Inspectoría salesiana para todos os centros xuvenís de León e Galicia. Entre elas destacan Andaina (3º a 6º Primaria) e ADS (1º a 2º E.S.O.) que foron o comezo do Itinerario de Educación na Fe proposto polos salesianos e que trouxeron a Xentenova a posibilidade de ofertar os Campamentos de Verán. Eran actividades de sábado pola mañá, na que nos adicábamos a xogar cos nenos a partir dun gran xogo ou dunha aventura que soía durar todo o trimestre. A actividade sempre tiña un obxectivo educativo de fondo, e soía rematar cun tempo de paz para sacarlle a moralexa ao asunto. O Curso remataba co Campamento de Verán no que os rapaces xuntábanse con nenos Andaina e ADS dos outros Centros Xuvenís de León e Galicia. Co tempo e ante a idea de que se podia estar duplicando a oferta explícitamente cristiá, e despois dun intenso debate interno, o Centro Xuvenil decide, na segunda metade da década dos 90, deixar de organizar a catequese para centrarse máis neste itinerario educativo. Desta maneira a Catequese segue a súa andaina coordinada dende a Pastoral do Colexio e fora xa da propia estrutura do Centro Xuvenil. Sabemos de boa man que foi unha decisión que non gustou a moita xente, pero a toma de decisións difíciles ten eses riscos, polo que a vida do Centro Xuvenil continuou cara adiante. A música da misa seguiu sendo levada por animadores do Centro Xuvenil.

 

Arredor do ano 1995, Xentenova comeza a colaborar na elaboración e realización do Campamento Urbano de Vigo xunto coa Asociación Xuvenil Abertal. Esta colaboración duraría uns 11 anos nos que dita actividade foi collendo moita repercusión na cidade chegando a ter unha participación de 400 rapaces e rapazas. Consistía nun campamento gratuíto de dúas semanas no verán, no que os nenos e nenas durmían e facían as comidas na casa. Os obxectivos principais eran que todo neno tivera a oportunidade de participar nun campamento de verán sen importar a situación económica de cada quen, e facer da cidade un lugar para o xogo. Facíanse aventuras e grandes xogos en distintos lugares da cidade así como obradoiros e excursións. Nos primeiros anos organizábase o Urbano Infantil e o Xuvenil, un no Colexio Salesianos e outro no "Colegio Hogar". Co tempo o Concello interesouse por el, aportando cada ano instalacións públicas e cartos para a mellor realización do evento, que aumentou moito a súa repercusión de cara á cidade. Co aumento desta estrutura deixouse de facer o Urbano Xuvenil, xa que todas as forzas empregábanse en sacar adiante con garantías o Infantil.

 

Na segunda metade da década dos 90, pasamos a formar parte da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia e por conseguinte da Confederación de Centros Xuvenís Don Bosco de España. Esta decisión fai que o Centro Xuvenil medre rápidamente tanto en estrutura como en Xestión e nivel económico. Por suposto este crecemento tamén implica un maior esforzo dos animadores en participar noutros eventos a maiores dos que se fan na casa.

 

Arredor do ano 1998, incorpórase o Catecumenado de 14 a 19 anos (actividade nada a finais dos anos 70 a nivel inspectorial e que xa levaba moitos anos facéndose dende a pastoral do colexio) que se une a Andaina e ADS no Itinerario de Educación na Fe para pechar o ciclo, e así darlle máis continuidade nunha franxa de idade máis ampla que na súa totalidade abarcaría dende os 8 aos 19 anos. Isto tamén implicou maior coordinación a nivel interno e a realización de actividades conxuntas para todo o Itinerario como a Campaña Solidaria de Mans Unidas que se facía unha vez ao ano e que consistía nun gran xogo emulando situacións desfavorecidas a nivel mundial, un bocata solidario, unha película solidaria de debuxos, unha celebración relixiosa e un momento de paz para a reflexión.

 

Non podemos deixar de recordar o FogarRock. Arredor dos anos 1997 e 1998 os animadores músicos de Xentenova organizan este concerto que ten como obxectivo potenciar a música en Xentenova e promover a grupos da cidade. Nel participan animadores e grupos musicais externos a Xentenova de tendencias derivadas do Rock. Debido á grande infraestrutura e ó traballo que leva organizar esta actividade, axudado por outros motivos de distinta índole, o FogarRock non chega a súa 3ª edición, esperando que alguén algún día o resucite.

 

En torno ao ano 99-2000 vai ocorrer algo importante: Xentenova consegue os tan ansiados locais propios que levaba tantos anos demandando. Aproveitando a reestruturación de talleres do colexio, concédesenos un espazo propio onde poder facer as actividades. Isto é unha revolución xa que agora a "liberdade" é maior, cousa que permite soñar ao abrir novas posibilidades. Unido a este gran acontecemento arredor do ano 2002 Xentenova consegue tamén o tan ansiado posto laboral do Coordinador de Actividades. Este posto a media Xornada permite que a oferta medre considerablemente pasando a abrir os locais durante toda a semana en horario de tarde. Consolídase así moito máis a nosa oferta a medida que se busca unha organización interna máis sólida.

 

No ano 2000 celébrase o 15 Aniversario da Asociación. Prepárase unha gran festa na que se tenta convidar a persoas que pasaron pola entidade ao longo da súa historia. Organízase unha exposición histórica, un concurso de debuxo para facer a camiseta do 15 aniversario e preséntanse varias propostas para modernizar o Logo da entidade. Ditas propostas foron votadas por todos os animadores e socios tanto actuais como antigos dando lugar ao novo e actual Logotipo de Xentenova e do que todos estamos tan orgullosos.

 

Co paso dos anos algunhas actividades perden forza ante os cambios sociais do entorno e deixan de facerse como foi o caso do tan emblemático cine dos domingos. Xa todo o mundo podía ver moito cine na casa e deixaba de ser algo novidoso. Sen embargo outras xurden daqueles rapaces que foron medrando e convertíndose en animadores da entidade. Así aparece Bule-Bule, unha oferta completa de actividades de ocio para mozos de 14 anos en diante; non sen moitos atrancos fíxose un oco importante na estrutura do Centro Xuvenil e segue na actualidade a ser o referente da oferta de ocio para adolescentes e mozos. Entre as súas actividades destacarán o Café Concerto, a Festa Celta, as Acampadas-Sendeirismo, a Sala Moza, etc. Tamén apareceu Tardes Meigas, que aglutinaba obradoiros e actividades varias os sábados pola tarde. Algo máis tarde chegarían o Zybr (acceso a internet gratuíto), a Kfeta (que consistía en dinamizar o bar dos antigos alumnos), unha aposta maior das Campañas Solidarias, o apoio escolar (que nace provocado polo grande fracaso escolar que se observa nestes anos), etc. Outras actividades coma o obradoiro de música perduraron no tempo sendo aínda hoxe unha actividade con moito éxito. Así, tódolos días había zybr, apoio escolar, kfeta e un espazo para que os rapaces viñeran a xogar un rato. Os venres, ademais, os grupos de Catecumenado e pola noite Bule-Bule. E os sábados, ADS, Andaina, Tardes Meigas, Música e Bule-Bule. Contribúe tamén a manter esta estrutura, o feito de que Xentenova durante case 4 anos contou cunha persoa contratada a maiores polo Plan Labora da Xunta de Galicia e outra por medio do Servizo Civil Italiano.

 

Son anos bos nos que Xentenova medra en tódolos aspectos. Isto fai que tamén se lle preste moita máis atención ao equipo de animadores, creando o proxecto Formación e Acompañamento do Voluntariado e facendo actividades como os venres de animadores (1 vez ao mes), participando en encontros inspectoriais, as Asembleas de fin de semana, a formación dos novos animadores e a formación permanente dos veteranos. O Itinerario de Educación na Fe e os seus campamentos de verán, que se ve aumentado por baixo pola actividade Pícaros (6 a 8 anos), funcionarán como "Eixo" do Centro Xuvenil acompañados por Bule-Bule, Zybr, Kfeta, Campañas Solidarias, Obradoiro de Música, Tardes Meigas, apoio escolar e as Festas e excursións tradicionais, e serán xunto co Campamento Urbano os proxectos que marquen esta etapa tan fructífera da entidade.

 

Sen embargo, durante o curso 2006-2007, algo estaba a punto de ocorrer que levaría ao traste con todo o traballo e adicación dos anos anteriores. Prodúcese un cambio de Director no Centro Xuvenil, e chega un novo salesiano que non se integra na vida do centro. As contínuas desavenencias entre él e o equipo de animadores leva a unha situación insostible en escasos 6 meses, que o Inspector Provincial dos Salesianos arranxa o 1 de Maio de 2007 expulsando a Asociación Xentenova do Centro Xuenil e por conseguinte do Movemento Xuvenil Salesiano. Decisión inxusta e inxustificada segundo a opinión dos animadores, que tentan por todos os medios que se reconsidere por parte das autoridades salesianas, pero sen éxito. Paradóxicamente, son os salesianos os que forzan a separación estrutural entre o Centro Xuvenil do "Colegio Hogar" e a Asociación Xuvenil Xentenova, que deixan de ser unha mesma cousa. Esta decisión leva consigo o ter que deixar de participar tamén no Campamento Urbano, e por motivos achegados a esta decisión, tamén se produce unha forte ruptura co Centro Xuvenil Abertal. Interrúmpense as actividades e son os rapaces os máis perxudicados, non puidendo asistir aos campamentos de verán. En fin, que no mes de Setembro de 2007 todos os animadores temos que marchar da que sempre sentimos como a nosa casa, coller a Asociación coas súas pertenzas, e facer mudanza cara ningunha parte. A familia da presidenta cederá un lugar onde poñer temporalmente todos os materiais, que son moitos (feito que agradecemos profundamente). Marcha Xentenova e con ela todas as persoas. No Centro Xuvenil quedarán soamente as sillas e as mesas baleiras, sen nenos, sen animadores e sen actividades.